miércoles, 23 de abril de 2014

UN DÍA NORMAL

Habitualmente amosámosvos neste blogue actividades que realizamos nun día especial ou diferente ao resto.
Pero hoxe decidimos facer o contrario: queremos que vexades cómo é un día normal e corrente nas nosas clases. Así que un xoves calquera fotografiamos diferentes momentos da mañá en cada unha das aulas e fixemos pequenos vídeos que recollen algúns anaquiños da nosa rutina escolar.

Sempre comezamos a mañá facendo a asemblea. Así que atoparedes, na presentación que deixamos a continuación, fotos e vídeos de diferentes momentos desta actividade. Empezamos na clase dos caracois pasando lista. A continuación veredes a clase das xirafas escribindo "a palabra máxica" e, despois, a clase das tartarugas poñendo a data.

Avanza a mañá e chega a hora do traballo na mesa. Voltamos de novo á clase dos caracois para velos recortar un marcapáxinas. Na clase das xirafas están aprendendo a facer un encrucillado. E na clase das tartarugas fan unha copia sobre o proxecto no que estamos a traballar.

Como o noso "día normal" era xoves, tanto xirafas como tartarugas tiñan clase de psicomotricidade. Así que poderedes ver a estas dúas clases disfrutando dalgúns dos seus xogos favoritos ("pato-pato-oca", "veneno", "oso goloso"), aprendendo a atar os amallós ou facendo ioga para relaxarse.

Para rematar a mañá, despedímonos na clase dos caracois e vemos cómo recollen e fan as autoavaliacións do seu comportamento durante a xornada.

Esperamos que vos guste este resumo de cómo é un día calquera no noso cole.

No hay comentarios:

Publicar un comentario